RENDA MUNICIPAL DE GARANTÍA BÁSICA CIDADÁ

1Que é?

Unha prestación económica, extraordinaria, temporal e vinculada a un itinerario de inclusión cidadá, prevista para persoas en situación de vulnerabilidade, risco ou exclusión social.

2Quen pode solicitar a renda municipal?

Toda persoa maior de idade ou emancipada en situación de vulnerabilidade, risco ou exclusión social que, ademais, non teña dereito a percibir a renda de inclusión social de Galicia  (RISGA) nin unha pensión non contributiva (PNC) ou calquera outra prestación ou pensión de contía igual ou superior a estas pensións.

3É necesario o empadroamento?

Si, cunha antigüidade mínima de seis (6) meses, inmediatamente anteriores e continuados á data de presentación da solicitude, agás as excepcións previstas na normativa autonómica de inclusión social vixente en cada momento.

4É necesario ter residencia legal?

Non é un requisito. Os dereitos fundamentais das persoas á vida, á saúde ou á alimentación non se fan depender da súa situación administrativa no territorio español, debendo interpretarse de maneira ampla de acordo coas normas internacionais e españolas que garanten eses dereitos.

5Que límite de ingresos é o máximo para poder solicitar a renda municipal?

Cando a unidade de convivencia está conformada por unha única persoa os ingresos máximos permitidos son os equivalentes ao 100% do IPREM vixente na data de formular a solicitude. Este límite de ingresos máximos será incrementado nun 10% por cada persoa adicional que forme a unidade de convivencia, ata unha contía máxima do 150% do IPREM:

  • 1 persoa - 532,51 € de ingresos máximos ao mes (100% IPREM)
  • 2 persoas - 585,76 € de ingresos máximos ao mes (110% IPREM)
  • 3 persoas - 639,01 € de ingresos máximos ao mes (120% IPREM)
  • 4 persoas - 692,26 € de ingresos máximos ao mes (130% IPREM)
  • 5 persoas - 745,51 € de ingresos máximos ao mes (140% IPREM)
  • 6 ou máis - 798,77 € de ingresos máximos ao mes (150% IPREM)
6Que contía ten a renda municipal?

O Concello proverá do importe equivalente ao 100% do IPREM a cada unidade de convivencia, incrementándoo un 10% por cada integrante adicional ata un máximo do 150% do IPREM, é dicir, reprodúcese o cadro de contías do punto anterior [05].

7Podo recibir a renda se teño algúns ingresos?

Si, sempre que non cheguen aos límites do IPREM. Nese caso, á cantidade que se percibiría en concepto de renda descontaríanselles eses pequenos ingresos.

8É compatible con outras prestacións ou pensións?

Non pode compatibilizarse coa RISGA, tampouco con PNC nin con ingresos superiores a estas, nin coas prestacións de rescate social para a cobertura de necesidades básicas.

  • RISGA / NON COMPATIBLE
  • PENSIÓN NON CONTRIBUTIVA (PNC) / NON COMPATIBLE
  • PRESTACIÓNS OU PENSIÓNS SUPERIORES Á RISGA OU PNC / NON COMPATIBLE
  • INGRESOS, PENSIÓNS E PRESTACIÓNS INFERIORES Á PNC / COMPATIBLE
  • INGRESOS, PENSIÓNS E PRESTACIÓNS DOUTROS MEMBROS DA UNIDADE DE CONVIVENCIA / COMPATIBLE
  • PRESTACIÓNS DE RESCATE SOCIAL PARA A COBERTURA DE NECESIDADES BÁSICAS / NON COMPATIBLE
  • PRESTACIÓNS DE RESCATE SOCIAL (RESTO) / COMPATIBLE

Debe terse en conta que a renda municipal é subsidiaria da RISGA, ou prestación autonómica que a substitúa, das PNC e de calquera outra pensión ou prestación de contía igual ou superior á das devanditas pensións. É dicir, só se poderá solicitar a renda municipal se non se ten acceso ás ditas prestacións.

9Que se entende por familia ou unidade de convivencia?

Abrangue tanto as persoas que vivan soas como as persoas que vivan xuntas no mesmo domicilio e estean vinculadas por matrimonio, por adopción ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata un segundo grao (avós/as e bisavós/as, fillos/as e netos/as, e tíos/as).

10Que acontece se nunha mesma familia ou unidade de convivencia varias persoas piden a renda municipal?

Como norma xeral só se recoñecerá unha renda por unidade de convivencia. No caso de concorrencia entre varias persoas da mesma familia ou unidade de convivencia resolverase en favor de quen dictaminen os Servizos Sociais, en función das circunstancias concretas da súa situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. En caso de igualdade preferirase á muller, sempre que non supoña perda de dereitos ou discriminación.

11Durante canto tempo se pode percibir?

Un máximo de doce (12) meses, prorrogables outros doce (12) meses se continúan as circunstancias.

12Hai algunha obriga por percibila?

Todas as persoas da unidade de convivencia deberán participar nun itinerario de inclusión cidadá deseñado polos equipos técnicos municipais e non practicar a mendicidade nin permitir ou forzar a súa práctica.

13Que é un itinerario de inclusión cidadá?

Trátase dun conxunto de actuacións que, dende os Servizos Sociais e con base nunha diagnose social individualizada previa, se lle proporán á persoa solicitante da renda e á súa unidade de convivencia para favorecer o seu proceso de inclusión social.

14Como se xustifica a percepción da renda municipal?

Por tratarse dunha prestación de garantía de dereitos básicos cidadáns, non será preciso xustificar con facturas, recibos nin ningún outro documento xustificativo os gastos realizados, abondando cun informe de seguimento dos servizos sociais municipais.

15Canto tempo tarda o Concello en responder?

O Concello dará resposta no prazo máximo de tres (3) meses, pero, mentres, poderá facilitar con carácter de emerxencia unha prestación de rescate social para atender as necesidades básicas.

16Pode ser retirada despois de ter sido concedida?

O incumprimento dalgún requisito, como a non realización do itinerario de inclusión cidadá, trasladarse a vivir a outro concello, ou unha mellora dos ingresos de maneira que sobrepasen os límites de acceso establecidos na ordenanza serán motivo de retirada da renda.

17Pódense recibir as prestacións de rescate social xunto coa renda municipal?

Si, agás as prestacións de rescate social para a cobertura de necesidades básicas, porqué se entende que cobren esencialmente as mesmas necesidades. En todo caso, deberán respectarse os límites e requisitos de acceso de cada prestación de rescate social en concreto.

18Que documentos se necesitan para solicitar a renda?

Consultar a sección de documentación e solicitudes.

PRESTACIÓNS DE RESCATE SOCIAL

1Que son?

Un conxunto de prestacións económicas de carácter extraordinario e puntual destinadas a atender situacións de urxencia que afecten a persoas ou unidades de convivencia que non poidan facer fronte á súa cobertura:

  • Prestacións para a cobertura de necesidades básicas: alimentación diaria, vestido, aloxamento e habitación, coidados básicos e necesidades básicas de carácter xeral indispensables para a vida diaria.
  • Prestacións para a habitabilidade e pobreza enerxética, e equipamento básico de vivenda: cobertura de débedas por subministración de luz ou gas, gastos asociados a altas de contratos de subministracións enerxéticas nunha nova vivenda; débedas coa comunidade de propietarios/as por gastos ordinarios, gastos por endebedamento previo do aloxamento habitual e prestacións para mobiliario e electrodomésticos básicos (lavadora, frigorífico, cociña, termo de auga, estufa, caldeira ou outros).
  • Prestacións complementarias á dependencia e/ou discapacidade: cobertura de gastos asociados ás axudas técnicas que precise unha persoa en situación de dependencia valorada pola administración competente. Excepcionalmente, e logo da prescrición médica e do informe social, poderán darse axudas para próteses oculares ou auditivas.
  • Prestacións para outros gastos excepcionais: cobertura de gastos asociados a outras situacións de difícil previsión e logo do informe social excepcional (por exemplo, gastos farmacolóxicos ou de adaptación da vivenda habitual).
  • Prestacións de fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios: cobertura de gastos de matrículas, materiais, desprazamentos, manutención ou outros destinados a educación infantil, estudantes de formación profesional -nos ciclos de grao medio e superior-, bacharelato ou universidade dentro do sistema educativo público, e demais formación complementaria asociada a un itinerario de inclusión cidadá.
  • Prestacións para saúde bucodental: prestacións económicas para garantir o dereito á saúde bucodental non cubertas pola Seguridade Social.
2Quen pode beneficiarse destas prestacións?

Toda persoa maior de idade ou emancipada en situación de vulnerabilidade social, risco ou exclusión social que estea empadroada no concello de Santiago de Compostela e que cumpra os requisitos específicos establecidos para cada prestación.

3É necesario o empadroamento?

Si, cunha antigüidade mínima de tres (3) meses, inmediatamente anteriores e continuados á data de presentación da solicitude, agás as excepcións previstas na normativa autonómica de inclusión social vixente en cada momento.

4É necesario ter residencia legal?

Non é un requisito. Os dereitos fundamentais das persoas á vida, á saúde ou á alimentación non se fan depender da súa situación administrativa no territorio español, debendo interpretarse de maneira ampla de acordo coas normas internacionais e españolas que garanten eses dereitos.

5Cal é o límite de ingresos para poder solicitar estas prestacións?

Os límites varían en función das prestacións e do número de integrantes da unidade de convivencia.

- No caso das prestacións para a cobertura de necesidades básicas, ten os mesmos límites que a renda de garantía básica cidadá:

  • 1 persoa - 532,51 € de ingresos máximos ao mes (100% IPREM)
  • 2 persoas - 585,76 € de ingresos máximos ao mes (110% IPREM)
  • 3 persoas - 639,01 € de ingresos máximos ao mes (120% IPREM)
  • 4 persoas - 692,26 € de ingresos máximos ao mes (130% IPREM)
  • 5 persoas - 745,51 € de ingresos máximos ao mes (140% IPREM)
  • 6 ou máis - 798,77 € de ingresos máximos ao mes (150% IPREM)

- No caso das restantes prestacións, terá os seguintes límites:

  • 1 persoa - 665,64 € de ingresos máximos ao mes (125% IPREM)
  • 2 persoas - 745,51 € de ingresos máximos ao mes (140% IPREM)
  • 3 persoas - 825,39 € de ingresos máximos ao mes (155% IPREM)
  • 4 persoas - 905,27 € de ingresos máximos ao mes (170% IPREM)
  • 5 persoas - 985,14 € de ingresos máximos ao mes (185% IPREM)
  • 6 ou máis - 1.065,02 € de ingresos máximos ao mes (200% IPREM)
6Que contía ten cada prestación e cal é a súa duración?
PRESTACIÓNS PARA A COBERTURA DE NECESIDADES BÁSICAS

PARA ALOXAMENTO (alugueiro de vivenda, cota hipotecaria da vivenda, habitación en vivenda compartida ou similar)

  • 75% do gasto mensual -100% nos casos en que non se dispoña de ningún recurso- ata un importe máximo do 100% do IPREM (535,51 € en 2016).
  • Un máximo seis (6) veces nun período de doce (12) meses.

FORMALIZACIÓN DE CONTRATO DUNHA NOVA VIVENDA DE ALUGUEIRO

  • 100% do gasto ata un máximo do 75% do IPREM (399,38 € en 2016).
  • Unha (1) vez cada tres (3) anos.

RESTO DE NECESIDADES BÁSICAS (alimentación diaria, vestido e coidados básicos)

Máximo seis (6) veces cada ano natural.

  • 1 persoa - 532,21 € (100% IPREM)
  • 2 persoas - 585,76 € (110% IPREM)
  • 3 persoas - 639,01 € (120% IPREM)
  • 4 persoas - 692,26 € (130% IPREM)
  • 5 persoas - 745,51 € (140% IPREM)
  • 6 ou máis - 798,77 € (150% IPREM)
PRESTACIÓNS PARA A HABITABILIDADE E POBREZA ENERXÉTICA, E EQUIPAMENTO BÁSICO DE VIVENDA

DÉBEDAS POR SUBMINISTRO DE LUZ E/OU GAS

  • 100% do gasto ata un máximo de 100% do IPREM (532,51 € en 2016).
  • Unha (1) prestación polo mesmo concepto ao longo dun período de tres (3) anos.

GASTOS ASOCIADOS A ALTAS DE CONTRATOS DE SUBMINISTROS ENERXÉTICOS NUNHA NOVA VIVENDA

  • 100% do gasto ata un máximo de 100% do IPREM (532,51 € en 2016).
  • Unha (1) prestación polo mesmo concepto ao longo dun período de tres (3) anos.

DÉBEDAS DE COMUNIDADE DE PROPIETARIOS/AS POR GASTOS ORDINARIOS

  • 90% da débeda de comunidade por gastos ordinarios ata un máximo do 200% do IPREM (1.065,02 € en 2016).
  • Unha (1) prestación polo mesmo concepto ao longo dun período de tres (3) anos.

GASTOS POR ENDEBEDAMENTO PREVIO

  • 90% da débeda data un máximo do 200% do IPREM (1.065,02 € en 2016).
  • Unha (1) prestación polo mesmo concepto ao longo dun período de tres (3) anos.

MOBILIARIO E ELECTRODOMÉSTICOS BÁSICOS

Unha (1) ou varias prestacións co límite dun importe máximo de 600 € por cada concepto ao longo dun período de tres (3) anos:

  • Lavadora / 300 €
  • Frigorífico / 300 €
  • Cociña / 250 €
  • Termo de auga (80 l.) / 250 €
  • Termo de auga (50 l.) / 150 €
  • Estufa eléctrica / 75 €
  • Estufa gas / 125 €
  • Caldeira calefacción / 600 €
  • Outros / 600 €
PRESTACIÓNS COMPLEMENTARIAS Á DEPENDENCIA E/OU DISCAPACIDADE
  • 90% do gasto ata un máximo de 175% do IPREM (931,89 € en 2016).
  • Unha (1) prestación por este concepto ao longo dun período de tres (3) anos.
PRESTACIÓNS PARA OUTROS GASTOS EXCEPCIONAIS
  • 90% do gasto ata un máximo de 200% do IPREM (1.065,02 € en 2016).
  • Unha (1) prestación por este concepto cada tres (3) anos.
PRESTACIÓNS DE FOMENTO DO DEREITO Á EDUCACIÓN PARA ESTUDOS POSTOBRIGATORIOS

Unha prestación por ano:

  • Escolarización non obrigatoria de 0-6 anos / 400 €
  • Estudos non universitarios / 200 €
  • Estudos universitarios ou de posgrao (primeira matrícula en cada materia) / Total do custo, ata un máximo de 1.000 €
  • Formación complementaria asociada a un itinerario de inclusión cidadá / 200 €
  • Complemento por transporte interurbano / 200 €
  • Complemento de manutención / 200 €
PRESTACIÓNS PARA SAÚDE BUCODENTAL

Variarán os importes e a periodicidade en función dos datos médicos de cada persoa solicitante:

  • Limpeza / 60 €
  • Empastes ou obturacións / 60 €
  • Endodoncias / 175 €
  • Prótese superior ou inferior móbil / 500 €
  • Prótese móbil completa / 1000 €
  • Outros / 500 €
7Podo recibir estas prestacións se teño ingresos?

Si, tense dereito ás prestacións mentres non se superen os respectivos límites de ingresos máximos previstos para cada unha delas.

8Son compatibles con outras prestacións ou pensións?

Si, pero hai que ter en conta o tipo de prestacións ás que se fai referencia.

PRESTACIÓNS DE RESCATE SOCIAL PARA A COBERTURA DE NECESIDADES BÁSICAS:

  • RISGA / NON COMPATIBLE
  • AXUDAS DE INSERCIÓN SOCIAL (AIS) / COMPATIBLE
  • OUTROS INGRESOS PARA A MESMA FINALIDADE / NON COMPATIBLE
  • RENDA DE GARANTÍA BÁSICA CIDADÁ / NON COMPATIBLE
  • PRESTACIÓNS DE RESCATE SOCIAL (RESTO) / COMPATIBLE

RESTO DE PRESTACIÓNS DE RESCATE SOCIAL:

  • RISGA / COMPATIBLE
  • AXUDAS DE INSERCIÓN SOCIAL (AIS) / NON COMPATIBLE
  • OUTROS INGRESOS PARA A MESMA FINALIDADE / NON COMPATIBLE
  • RENDA DE GARANTÍA BÁSICA CIDADÁ / COMPATIBLE
  • PRESTACIÓNS DE RESCATE SOCIAL (RESTO) / COMPATIBLE

Debe terse en conta que as prestacións de rescate social para a cobertura de necesidades básicas son compatibles coa AIS sempre que esta non sexa para atender necesidades primarias de alimentación, enxoval e vestido, ou vinculadas ao uso da vivenda para pago de aluguer, ou para evitar o desafiuzamento; é dicir, é compatible coa AIS se esta non ten a mesma finalidade.

9Que se entende por familia ou unidade de convivencia?

Abrangue tanto as persoas que vivan soas como as persoas que vivan xuntas no mesmo domicilio e estean vinculadas por matrimonio, por adopción ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata un segundo grao (avós/as e bisavós/as, fillos/as e netos/as, e tíos/as).

10Que acontece se nunha mesma familia ou unidade de convivencia varias persoas piden unha mesma prestación?

Depende do tipo de prestación. No caso das prestacións para a cobertura de necesidades básicas e das prestacións para a habitabilidade, pobreza enerxética e equipamento básico da vivenda, como norma xeral, só se recoñecerá unha mesma prestación por cada unidade de convivencia. En caso de que haxa concorrencia entre varias persoas da mesma familia resolverase en favor de quen dictaminen os servizos sociais, en función das circunstancias concretas da súa situación de vulnerabilidade, risco ou exclusión social.

No caso das restantes prestacións, poderán recoñecerse a unha ou a varias persoas dunha mesma unidade de convivencia, co correspondente informe social e cumprindo o resto de requisitos, incluídos os límites económicos de toda a unidade de convivencia.

11Hai algunha obriga por percibir as prestacións?

Os requisitos e límites específicos deberán ser comprobados. Cada prestación xustificarase por medio de facturas, recibos e outros comprobantes de gasto e seguindo as instrucións que se marquen dende os puntos de atención de Servizos Sociais.

12Como se xustifican as prestacións de rescate social?

Será necesaria a xustificación específica nos termos previstos para cada prestación, podendo requirirse facturas, recibos ou comprobantes de gasto.

13Canto tempo tarda o Concello en responder?

No caso das prestacións para a cobertura de necesidades básicas, unha vez achegada toda a documentación, os servizos sociais emitirán o seu informe proposta no prazo máximo de dez (10) días e pagarase inmediatamente despois da resolución. Para o resto de prestacións, o mesmo tempo previsto con carácter xeral na renda de garantía básica cidadá, un prazo de máximo tres (3) meses.

14Poden ser retiradas as prestacións logo de seren concedidas?

O incumprimento dalgún requisito, en especial a falta de xustificación do gasto, será motivo da retirada das prestacións e pode esixirse a súa devolución.

15Que documentos se necesitan para solicitar as prestacións?

Consultar a sección de documentación e solicitudes.

DOCUMENTACIÓN E SOLICITUDES

Que documentos se necesitan para presentar as solicitudes?

Tanto se a solicitude é para a renda municipal como para a as prestacións de rescate social, hai que presentar documentación acreditativa:

  • DO EMPADROAMENTO
  • DA IDENTIDADE
  • DA UNIDADE DE CONVIVENCIA  E AS SÚAS CIRCUNSTANCIAS ECONÓMICAS
  • DA ESCOLARIZACIÓN DOS/AS MENORES EN IDADE DE ESCOLARIZACIÓN OBRIGATORIA

E tamén calquera outra documentación acreditativa da situación de necesidade ou de urxencia. Estes documentos, nos máis dos casos, poderán ser pedidos e tramitados directamente polo Concello se a persoa solicitante quere autorizalo.

Cando se poden presentar as solicitudes?

En calquera momento do ano.

Onde se consultan as dúbidas e se presenta a solicitude?

Nos puntos de atención de Servizos Sociais (PASS), solicitando previamente unha cita no teléfono:

(+34) 981 542 465 ou na web:

www.santiagodecompostela.gal

PASS O Ensanche

Frei Rosendo Salvado 14-16

15705, Santiago de Compostela

Tfno.: 981 543 001 Ext. 33935

PASS Galeras

Isaac Díaz Pardo 2-4

15705, Santiago de Compostela

Tfno.: 981 542 465

PASS As Fontiñas

Berlín, 13

15703, Santiago de Compostela

Tfno.: 981 528 750 Ext. 28747

PASS CABES

Casa das Asociacións de Benestar Social

Manuel María, 6

15705 Santiago de Compostela

Tfno.: 981 542 471